Sunday 08 de September de 2024

O Concello de Brión mellora a seguridade dos veciños e veciñas da Telleira ao dotar de cunetas formigonadas os accesos á aldea


As obras supuxeron un investimento de máis de 95.000 euros e incluíron a mellora da estrada con aglomerado en quente

O Concello de Brión vén de rematar as obras de mellora dos accesos á aldea de A Telleira, na parroquia de Bastavales, nas que investiu un total de 95.420 euros. “Unhas obras que mellorarán a seguridade viaria dos veciños e veciñas, tanto peóns como condutores, xa que non só incluíron a mellora da capa de rodaxe da estrada senón tamén a súa ampliación e construción de cunetas formigonadas nunha zona que carecía delas, o que obrigaba á veciñanza a camiñar pola calzada”, explica o alcalde brionés, Pablo Lago.

Así, o Concello de Brión actuou sobre un tramo de 350 metros de estrada municipal, concretamente dende a marquesiña do autobús ata o remate das vivendas. Os traballos incluíron a construción dun tramo de 120 metros de cunetas formigonadas por ambas marxes do viario, mentres que nos restantes 230 metros se fixeron unicamente na marxe sur. Unhas cunetas construídas con zahorra, formigón e cun bordo de delimitación para mellorar a seguridade dos peóns e separalos do tráfico de vehículos.

Baixo esta cuneta instalouse unha rede de 480 metros para canalizar as augas pluviais, que inclúe 16 arquetas con sumidoiro e 3 arquetas de formigón con reixa. Así mesmo, procedeuse á limpeza de gabias e salvagabias para garantir a correcta drenaxe das augas e mellorouse a capa de rodaxe con 5 centímetros de aglomerado en quente, previo arranxo de fochancas con grava e un tratamento asfáltico semiprofundo. Os traballos completáronse coa correspondente sinalización horizontal da estrada, con pintado de liñas de borde e símbolos.

As obras foron executadas pola empresa Obras y Viales de Galicia SL (OVIGA) ao abeiro da primeira fase do Plan de Obras de Obras e Servizos POS+Adicional 2/2023 da Deputación da Coruña. Un plan que tamén permitiu a mellora do viario de acceso á localidade de Babenzo, tamén na parroquia de Bastavales. De feito, Lago Sanmartín sinala que “con esta actuación, o Concello de Brión continúa co seu plan de mellorar os accesos e os interiores das distintas aldeas das distintas parroquias, actuacións que estamos facendo en aglomerado en quente para que duren no tempo e onde estamos construíndo sendas peonís aló onde sexa posible, para así mellorar a seguridade viaria dos nosos veciños e veciñas”.